A web de publicación de novas de xeito colaborativo e sen control editorial, Digg, podería estar en negociacións con grandes empresas entre as que estarían Microsoft e Google, moi interesadas na adquisición de tal popular servizo web.
Michael Arrington publicou en TechCrunch que Google podería pagar entre 200 e 225 millóns de dólares por Digg, información achegada dunha fonte moi solvente e que segundo o conselleiro delegado de Digg, Jay Adelson, non sería precisa (sen chegar a desmentir claramente a nova).
Esta información non sentou moi ben ós usuarios de Digg, que son o auténtico activo do servizo, pois no caso de que o comprador fose Microsoft ameazan con abandoar a web. Outros usuarios se limitaban a pedir que non se vendese Digg (sen facer un alegato anti-Microsoft), aínda que dado que o servizo se basea na súa comunidade de usuarios, a súa venda non debería afectar ó mesmo (agás para a súa explotación publicitaria).
Podemos lembrar cómo outros servizos web populares foron adquiridos por Google, Yahoo ou Microsoft sen que a fuxida de usuarios chegase a producirse, de aí que o ruxe ruxe actual podería ser irrelevante.
Microsoft e Google poderían estar a negociar a compra de Digg
Compartir Este Artigo

