Mandar SMS, facer videochamadas, gravar vídeos, tomar fotografías ou xogar son só algunhas das tarefas que se poden realizar a través dun móbil corrente dende hai xa algún tempo e que están ó alcance de case calquera usuario. Mais se nos referimos aos petos máis privilexiados, podemos engadir unha nova experiencia que se está a poñer de moda entre os “mobiladictos”: o visionado de TV e de series de animación e acción real a través do teléfono móbil.
A operadora nacional Orange (coñecedora desta nova febre social), en colaboración con Sony Pictures Televisión Internacional, vén de lanzar a serie de animación Afterworld, que os seus clientes poderán ver dende hoxe, luns 31 de marzo, a través do móbil, por Internet ou por televisión por ADSL.
A serie está traducida ó castelán e nela cóntase a historia de Russell Shoemaker, un executivo publicitario en viaxe de negocios que esperta nun hotel a mañá seguinte a unha catástrofe mundial que cambiará a vida tal e como el a coñece.
Afterworld anexiona animación e acción real en 3D converténdose nun “híbrido entre televisión e videoxogo” que, segundo os seus creadores, “conecta con emocións humanas e aborda asuntos universais, como a arela de supervivencia”.
A serie está composta por 130 capítulos de dous minutos de duración cada un para o seu consumo a través do móbil e nun formato de 30 minutos para os usuarios que a visualicen a través da televisión por ADSL.
Aproveitando o “tirón” de Afterworld, Orange tamén ofrecerá numerosos contidos relacionados coa serie como tons de chamada e espera, videoxogos, videoclips musicais, fondos de escritorio, salvapantallas e un longo etcétera de contidos de mercadotecnia que axudarán a engordar a conta bancaria dunha das principais operadoras de telefonía móbil en España.
A tarifa da devandita emisión para móbil é de 0,60 euros sen IVE por capítulo e de 0,50 euros por emisión a través de Orange TV.
Orange lanza Afterworld, unha serie de animación para móbiles
Compartir Este Artigo

