A firma de informática e electrónica de consumo, Airis, vén de renovar a súa gama Xtreme de ordenadores portátiles e de sobremesa, pensada especificamente para os usuarios de xogos e profesionais da edición por contar cunhas características técnicas moi específicas que garanten “o alto rendemento dos equipos” cando se empregan xogos 3D ou programas de deseño e de edición de vídeo.
Este tipo de ordenadores admiten distintas configuracións para facilitarlle a cada usuario o modelo que mellor se axusta ás súas necesidades tanto para os momentos de lecer como para levar a cabo as tarefas profesionais.
O portátil Airis Xtreme N1700 conta con tecnoloxía de procesador Intel Centrino Duo baseada en procesadores Penryn (Santa Rosa Refresh) que supoñen unha evolución dos Core 2 Duo e están fabricados con tecnoloxía de 45 nm que achegan velocidades superiores aos 3 GHz.
Asemade, presenta a meirande capacidade de procesamento gráfico dispoñible xa que inclúe de serie “o primeiro procesador gráfico con DirectX 10 do mundo destinado a portátiles de altas prestacións”.
Conta cunha pantalla TFT panorámica Black Pitch de 17 polgadas na que se pode traballar cunha resolución WUXGA de 1920×1200 píxeles.
Por outra banda, os modelos de ordenadores de sobremesa que forman parte da familia Gamer Xtreme son dous: Airis Gamer Xtreme BJ-X 10/04 e Airis Gamer Xtreme BJ-X 12/04. Ámbolos dous dispoñen de 4GB de memoria RAM DDR2 en Dual Channel e capacidade de Disco Duro de 1TB. Asemade inclúen regravadora DVD-R/RW con LigtSribe, teclado multimedia especial para xogos e rato óptico Airis, sintonizadora de TV dixital, tarxeta de rede sen fíos, un sistema de ventilación especial que pode ser regulado dende o panel frontal do equipo e accesorios para os afeccionados aos videoxogos como son varios títulos, un volante e game pad.
O prezo destes equipos varía (segundo o modelo) entre os 1.500 e os 2.100 euros IVE incluído.
Airis renova a súa gama de ordenadores Xtreme, deseñados para xogar
Compartir Este Artigo

