
Iso de mercar falsos Gucci ou Hermes nos chineses ou no mercadiño e levalos con tanta fachenda como se a propia Victoria Beckam nolos emprestara ten os días contados, sobre todo dende que esta peculiar páxina oferta os bolsos das famosas para mulleres con soldos mileuristas que terían que aforrar toda a súa vida (e non casar nin ter fillos) para adquirir un só complemento desas prestixiosas marcas.
A web recolle distintas propostas e incluso, segundo apunta o xornal galego, “aconsella ás clientas sobre o accesorio que máis lle convén dependendo da ocasión”. Ademais, Frombagtoriches.com conta cunha sección adicional na que se mostran os estilos e os modelos que levan as famosas máis fashion e ofrece produtos similares para imitalas e non deixar un ril como pago por facelo.
Botando unha ollada pola web (unha sempre sente certa curiosidade por estas cousas) podemos comprobar que os prezos por alugar bolsos de luxo durante un mes oscilan, dependendo da marca, entre os 35 e os 300 dólares máis unha cantidade que se deixa en concepto de fianza por posibles danos ou perdas da peza.
O antollo sae caro máis iso si, non tódolos días se pode dicir que o bolso que levas ao traballo é un Louis Vuitton igual ao de Carolina de Mónaco, aínda que este sexa horripilante a máis non dar.
Unha web aluga bolsos de luxo a prezos para case tódolos petos
Compartir Este Artigo

