A Consellería de Sanidade vén de anunciar que “aposta pola consolidación dun sistema de información para o conxunto do Sistema Público de Saúde de Galicia”, apoiado no uso intensivo das tecnoloxías da información, coa historia clínica electrónica como elemento vertebrador do proceso asistencial.
Na actualidade, sinala Sanidade, máis de 2,6 millóns de cidadáns galegos dispoñen xa de información clínica no historial electrónico e asemade, xa foi posta en marcha a prescrición electrónica en todas as súas áreas de Atención Primaria, con máis de 15 millóns de receitas xeradas por medios electrónicos, o que supón o 40 por cento do total.
Así o indicou a conselleira María Xosé Rubio Vidal na intervención inaugural do VII Foro de sistemas de Información para o Sistema Nacional de Saúde, onde ademais deu conta de tódalas achegas producidas dende que, en xuño de 2006, o Goberno galego presentase o Plan de Tecnoloxías da Información, que ten como obxectivo a construción dun sistema de información “robusto” como ferramenta estratéxica de medición e avaliación “da nosa sanidade”.
En relación coa receita electrónica a conselleira explicou que “estamos en pleno proceso de conexión” entre as oficinas de farmacia e rede pública en colaboración cos Colexios Oficias de Farmacéuticos.
Rubio Vidal tamén fixo balance do proxecto Ianus, salientando que actualmente en Galicia, máis de 2,6 millóns de persoas dispoñen dunha parte importante da súa información clínica integrada no seu historial clínico electrónico, e máis de 13.000 profesionais xa foron formados e dotados de tarxeta chip para garantir un acceso seguro á mesma.
Amais disto, a imaxe radiolóxica tense dixitalizado en nove dos 14 hospitais públicos galegos, contando actualmente con máis de 15 millóns de imaxes dixitalizadas.
A conselleira rematou o seu balance positivo afirmando que “todo isto conforma un potente almacén de información clínica, un historial electrónico de saúde”.
O conxunto do plan conta cun orzamento de 150 millóns de euros.
Sanidade fai balance positivo do seu Plan de Tecnoloxías da Información
Compartir Este Artigo

