Carlos Estévez, o director e guionista da serie documental Voces contra a globalización… outro mundo é posible?, vai impartir, do vindeiro 5 ao 8 de maio, o obradoiro-debate Outro periodismo é posible… tamén na televisión.
As xornadas terán lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, e, entre outras cousas, os asistentes poderán comprobar, de xeito práctico, o que é o xornalismo de investigación na TV e as claves para facelo ben e elaborar documentais audiovisuais con éxito.
O obradoiro vai dirixido tanto a estudantes como a profesionais da comunicación audiovisual e ten carácter gratuíto, se ben é obrigatorio participar na totalidade do programa (os catro días) para obter o certificado de asistencia.
Este recoñecido director e guionista fará partícipes a tódolos asistentes do proceso de elaboración dun documental audiovisual por medio de conferencias, charlas, proxeccións e debates analíticos de xeito que estes poidan participar activamente, analizar os métodos, reflexionar sobre os contidos e, sobre todo, aprender as técnicas e os recursos máis empregados por Estévez nos seus documentais.
Os interesados en participar nestes obradoiros de balde deberán inscribirse no Club Internacional de Prensa (organismo organizador do evento), ben baixando o Boletín de Inscrición da web do mesmo ou ben mediante correo electrónico. Tamén se pode confirmar a asistencia chamando ao teléfono 981 54 59 50.
Continúa aberto o prazo para o obradoiro Outro periodismo é posible… tamén na televisión
Compartir Este Artigo

