Ao longo destes días, tódolos galegos e galegas -sobre todo os máis cinéfilos- temos unha cita pendente co cine da nosa terra que non nos debemos perder (nin temos escusa para facelo) pois celébrase a Semana do Audiovisual Galego e ata o vindeiro domingo 13 de abril proxectaranse un total de 36 películas en 60 localidades do país.
A organizadora deste circuíto, a Academia Galega do Audiovisual, leva a cabo este espallamento das producións de cine propias co obxectivo de difundir e promover os traballos finalistas aos Premios Mestre Mateo 2007 e ten programado facer os distintos pases de balde nas localidades de: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo; así como tamén noutras 53 localidades das catro provincias galegas.
A Semana do Audiovisual Galego está patrocinada pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Consellería de Presidencia e da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura en colaboración coa Fundación Caixa Galicia. A súa programación completa pódese consultar na web da Academia.
O circuíto celébrase ao longo de toda a semana previa á Gala, que terá lugar o 15 de abril no Teatro Jofre de Ferrol.
A Academia celebra a Semana do Audiovisual Galego nas catro provincias
Compartir Este Artigo

