Segundo vén de revelar un informe elaborado pola empresa consultora Asset Media Consulting, a menos de dous anos para que o apagamento analóxico se espalle dende a Fonsagrada ao resto do territorio estatal, tan só 7,3 millóns de fogares españois teñen acceso á Televisión Dixital Terrestre (TDT), o que supón unicamente o 46 por cento da poboación.
O informe foi presentado estes días no primeiro Congreso Nacional de Televisión Dixital que tivo lugar en Málaga ao longo desta semana (onde acudiron varias empresas do audiovisual galego, das que falamos nesta mesma web) e nel, ademais do de España, tamén se fai referencia ao estado actual do “acendido dixital” en Alemaña, Francia, Reino Unido e Italia.
Segundo o devandito informe, a TDT é a infraestrutura principal en España, ó estar presente no 78 por cento dos fogares con televisión dixital. En Italia teñen acceso a ela o 76 por cento dos fogares, o 69 por cento en Francia e o 47 por cento dos fogares no Reino Unido. En Alemaña o cable é o sistema predominante, cun 51 por cento de fogares conectados.
Tan só o 46 por cento dos fogares españois ten acceso á TDT
Compartir Este Artigo

