
O OpenMac sería un ordenador en formato torre, cun procesador Intel Core 2 Duo a 2,2 GHz, 2 Gb de memoria RAM, tarxeta gráfica Intel GMA 950, DVD e disco duro de 250 Gb, que se pode ampliar en memoria, disco e mesmo incorporándolle unha tarxeta gráfica GeForce 8600GT ou portos Firewire, estando o seu prezo base en 399 dólares mentres que o equipo máis barato de Apple custa 579 euros.
Está claro que os equipos que promete Psystar non son Mac, senón o que a xente dá en chamar Hackintosh, polo que poderían non estar soportados por actualizacións do software de Apple, pero supoñen unha opción moi atractiva para consumidores que gusten do Mac OS X pero non queiran gastar moitos cartos no seu equipo informático. Os OpenMac tampouco teñen o atractivo estético de Apple, e resulta evidente que a instalación de Mac OS X nos mesmos viola a licenza de uso do sistema operativo da empresa de Cupertino. Precisamente isto último podería ter levado a que Apple emprendese medidas legais contra Psystar, pois a web deste fabricante está desaparecida (aínda que podería ser por motivos técnicos, xa que está a acaparar moita atención, o que se traduce nunha enorme carga do seu servidor web).
Estea á venda ou non o OpenMac, queda claro que o rebumbio xerado suporá un pulo para o osx86project (que leva anos traballando na instalación de Mac OS X en PC) e podería levar a moitos usuarios a empregar un PC para introducirse no mundo do Mac, saltando o principal atranco para tal: o elevado prezo dos equipos de Apple.
ACTUALIZACIÓN: A web de Psystar xa está en liña, polo que se confirma que a súa desaparición foi por motivos técnicos.
Polémica ao redor dunha web que vendía ordenadores PC compatibles con Mac OS X
Compartir Este Artigo

