É ben sabido que a estas alturas da era da comunicación, a procura de traballo pola Rede está acadando cifras nunca antes imaxinadas. Aínda así, segundo as verbas da compañía internacional Xing Ag, “o 70 por cento dos postos de traballo cóbrense a través de recomendacións”, algo que co paso dos anos semella non variar moito. Se unimos estes dous métodos para procurar emprego, é dicir, a recomendación directa do persoal coa busca a través de Internet, obtemos como resultado os servizos que ofrece a devandita entidade a través da súa páxina web, Xing.com.
Os usuarios deste sitio que acceden ao seu servizo Xing Marketplace poden ver directamente as ofertas que se adaptan ao seu perfil así como aqueles contactos comúns que os vinculan á persoa que publica a oferta, coa vantaxe de obter unha recomendación directa co futuro contratante.
Agora ademais, Xing Ag, que conta con máis de 1,6 millóns de profesionais de fala hispana (35 por cento), vén de lanzar unha promoción pola cal os usuarios do seu servizo Premium poderán publicar de balde, ata o vindeiro 31 de xullo, un máximo de dez ofertas de emprego en español a través da súa páxina web.
Esta oferta está dirixida de xeito especial a seleccionadores de persoal e executivos de toda España e Latinoamérica así como todos aqueles de fala hispana que visiten o devandito portal de emprego.
Segundo palabras dos responsables da iniciativa, as ofertas “achegaranse a un público cualificado da comunidade internauta hispanofalante”, a terceira en importancia a nivel mundial, que favorecerá a procura de emprego tanto das persoas desempregadas como dos profesionais plenamente integrados na vida laboral que pretendan mellorar as súas condicións de traballo.
Xing.com lanza unha promoción para ofertar postos de traballo en español
Compartir Este Artigo

