A Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de renovar nos últimos meses os sistemas informáticos dun total de 64 xulgados de primeira instancia e instrución en Galicia, nos que se implantou o novo sistema informático Minerva.
Minerva é un sistema de xestión integral das oficinas xudiciais que substitúe, nos xulgados mixtos, ao programa informático Libra I, que fora instalado en 1998. Trátase dunha aplicación avanzada de xestión procesual que, entre outras cousas, engloba ferramentas para o rexistro de asuntos e escritos, para a xestión de obxectos e pezas vinculados aos procedementos, para a tramitación de asuntos, a confección e emisión de documentos, a xestión do histórico e do estado dos expedientes ou para a explotación estatística e información xeral do estado dos procedementos, recursos e escritos da oficina.
Estes novos sistemas de información xa están implantados en tódalas vilas das provincias da Coruña e Pontevedra, mentres que en Lugo trabállase, na actualidade, en Mondoñedo (que ten dous xulgados), Becerreá e a Fonsagrada; na provincia de Ourense está pendente o xulgado de Xinzo de Limia. En tódalas sedes instaláronse novos servidores informáticos e informatizáronse, en colaboración co Ministerio de Xustiza, os seus rexistros civís.
Ata agora a aplicación estaba instalada no Tribunal Superior de Xustiza, nas audiencias provinciais, nos xulgados de menores e nos de vixilancia penitenciaría. Actualmente coexiste co Sistema Libra II, implantado en 2005 nos xulgados das cidades, pero a Dirección Xeral de Xustiza contempla para este ano a erradicación deste programa e a implantación de MINERVA en toda a planta xudicial.
A aplicación Minerva pon as bases para “modernizar” a tramitación procesual, normalizar os documentos e aproximar os xulgados e tribunais á implantación do expediente electrónico. Incorpora funcionalidades de gran importancia para os responsables das oficinas xudiciais e permite ofrecer aos xuíces e secretarios unha información completa en tempo real da situación de todos os asuntos do respectivo xulgado ou tribunal.
Os equipos lingüísticos de Xustiza realizarán a tradución ao galego da colección de documentos de Minerva.
Formación e sensibilización dos usuarios
Segundo vén de anunciar a Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, este organismo “ten establecida como prioridade” a renovación das ferramentas tecnolóxicas da Administración de Xustiza e neste senso está a desenvolver un importante esforzo de loxística, de renovación de servidores informáticos, de potenciación das redes de comunicación, de subministro de elementos de hardware e tamén de investimento económico. Todas elas melloras efectivas que precisarán da implantación de boas prácticas na xestión informática dos expedientes polo que, ó longo deste proceso de implantación, a Dirección Xeral está a poñer un especial énfase na formación dos funcionarios con cursos específicos sobre Minerva e cursos específicos aos maxistrados e xuíces que queiran coñecer as funcionalidades que as TIC poñen á súa disposición para coñecer a situación real de tódolos asuntos do seu xulgado ou tribunal.
A Xunta renova os sistemas de información dos xulgados de primeira instancia e instrución
Compartir Este Artigo

