A incorporación de varios núcleos nun procesador é un dos principais rumbos tomados polos fabricantes para incrementar a capacidade de cálculo, e AMD vén de anunciar cambios no seu itinerario de lanzamentos, de xeito que desbota os procesadores de 8 núcleos e prepárase para contar cun procesador de 6 núcleos para a segunda metade de 2009 e outro de 12 núcleos para a primeira metade de 2010.
O nome chave destes últimos procesadores é Magny-Cours, e contarán cunha memoria caché de terceiro nivel de 12 Mbytes e soportarán RAM DDR3, mentres que nos chips de 6 núcleos están a traballar en dúas liñas: os chips Istanbul que chegarán en 2009 e os Sao Paulo, que serán semellantes aos Magny-Cours mellorando en eficiencia por estar fabricados utilizando procesos de 45 nanometros.
Estes cambios no calendario de AMD impediría entrar nun enfrontamento directo con Intel nos procesadores de 8 núcleos, e suporá un salto cualitativo que lle podería valer unha certa vantaxe nos procesadores para servidores. Tamén así buscan recuperar a confianza no mercado nun momento na que está a ter certos problemas económicos que levará á compañía a prescindir de 1.650 traballadores no terceiro trimestre do ano.
AMD anuncia os seus procesadores de 6 e 12 núcleos
Compartir Este Artigo

