Hoxe era o día elixido pola Fundación Mozilla para liberar a versión definitiva do seu navegador Firefox 3, acontecemento que pretende dar pé a un novo record Guinness (a aplicación máis descargada en 24 horas) e para o que máis de 1,7 millóns de persoas xa amosaran a súa adhesión, pero o que nun principio tiña que ser unha festa converteuse nunha decepción para moitos, pois nun primeiro momento sorprendeu que o lanzamento non fose ao gume da medianoite, senón que se matizou que o novo navegador chegaría ás 10:00 horas en California (o que serían as 7 da tarde en España), o que a efectos prácticos supón que o auténtico Download Day para Europa sería mañá; e para rematar a xogada, non foron capaces de ser puntuais no lanzamento da aplicación.
Ás 19:00 horas as distintas páxinas web de Mozilla padeceron problemas técnicos, e durante máis dunha hora permaneceron fóra de liña, para ir recuperándose pouco a pouco ata que finalmente parecían recuperados, e xa presentaban as páxinas webs correspondentes ao Firefox 3, pero levando a moitos usuarios a descargar a versión 2 do navegador. Finalmente arranxaron a ligazón, pero sorprendentemente o ficheiros que se descarga non parece ser a última versión do Firefox 3 senón unha copia do pasado día 11 (que xa levaba días circulando pola Rede). Este último detalle dá a entender que realmente non se está a descargar a versión final do Firefox 3, xa que a súa web fai referencia a un ficheiro de 6,4 Mb cando na práctica ocupa 7 Mb.
Pese aos problemas, a xornada está a ser todo un éxito de descargas, e os responsables de Mozilla aseguran que se están a producir unhas 14.000 descargar por minuto, e concretan que a contabilización destas descargas comezou ás 20:16 horas de España e esperan chegar aos 5 millóns de descargas, aínda que hai que matizar que non van ter problemas para rexistrar a súa marca xa que non hai referencia anterior.
O Firefox 3 inclúe numerosas melloras, que xa se puideron ver nas anteriores versións de proba e candidatas, pero moitos dos complementos e extensións de Firefox 2 deixan de funcionar nesta nova entrega, polo que é preciso instalar actualizacións das mesmas, o que nun principio deixaba a moitos usuarios orfos de funcionalidades ás que estaban afeitos (e que é de agardar que nos vindeiros días se vaian superando).
Tamén en galego
Os usuarios que tiñan o Firefox 2 en galego, como xa comentamos, ven como o paquete de idioma correspondente á nosa fala non funciona ao actualizar a Firefox 3, polo que dende Mancomún xa levan tempo traballando na súa nova versión, e aproveitando a posta de longo do Firefox 3 decidiron publicala, xunto coa correspondente explicación sobre cómo instalala.
Este proceso é doado, e permite que o novo navegador xa presente unha interface en galego de xeito case automático para os equipos que conten cun sistema operativo en galego (en caso contrario hai que facer uns lixeiros axustes).
O lanzamento do paquete de idioma galego para Firefox 3 permite así gozar do novo navegador en galego sen ter que agardar á versión oficial en galego do mesmo (que podería chegar o vindeiro 25 de xullo).

