A Universidade de Vigo vén de anunciar que o seu novo Master de Creación, Dirección e Innovación na Empresa, que comezará a impartirse no vindeiro curso 2008-2009, contará coa colaboración activa do persoal do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), experto en temas de innovación, para a docencia do programa durante o primeiro semestre de 2009.
Este programa de posgrao, que abre o seu período de preinscrición o vindeiro martes 1 de xullo ata o 14 de agosto, impartirase na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus Universitario de Ourense e contará co patrocinio das Consellarías de Innovación e Industria e Traballo así como co de varios grupos empresariais privados.
Este Máster integra dous ámbitos de especialización interrelacionados: a creación e dirección de empresas e a xestión da innovación, a tecnoloxía e a calidade. Terá unha duración de 90 créditos e impartirase en sesións de xoves e venres pola tarde e sábado pola mañá no período comprendido entre a última semana de setembro de 2008 e a primeira semana de xuño de 2009.
O terceiro cuadrimestre corresponderá á realización de prácticas dos e das alumnas en empresas ou en organizacións de soporte á investigación e innovación, e á realización do traballo fin de Máster.
O persoal da Tecnópole, ademais de colaborar na docencia do programa, tamén apoiará ao alumnado durante a elaboración do seu proxecto de creación de empresa (unha das partes centrais do curso) mediante o gabinete de viabilidade e apoio a emprendedores que ten habilitado.
Asemade, o papel do Parque Tecnolóxico de Galicia será fundamental no terceiro cuadrimestre, período no que ofrecerá apoio na organización das prácticas, difundindo a posibilidade de acoller alumnos en prácticas entre as empresas da Tecnópole e trasladándolles o interese das empresas á Universidade de Vigo.
A información detallada sobre este Máster e as condicións para realizar a preinscrición para o mesmo están dispoñibles nesta ligazón.
A Tecnópole colabora coa Universidade de Vigo nun máster de innovación
Compartir Este Artigo

