Tanto a Internet coma o mundo real e previo que nos rodea son eidos ben amplos onde non chega con querer presentar un determinado produto e logo tentar comercializalo. Fan falta ollos para velo e, polo tanto, recursos que atraian eses ollos. Diso precisamente, de poñer en xogo eses recursos para acadar que o público se concentre nun emprazamento físico determinado, é do que trata Spinlight, un trebello e unha canle de comunicación desenvolvido pola empresa da Coruña Metalplast que consiste –en liñas xerais- nun dispositivo lumínico que proxecta imaxes e mensaxes que xiran 360 graos dende o punto máis elevado do interior dos locais comerciais.
O aparello, que se carga de xeito dixital e se controla de maneira remota (en liña), está a ser empregado arestora por marcas de certo renome no mercado español como a rede de estacións de servizo de Repsol ou a tabaqueira Altadis. Asemade, e segundo informa a dita empresa galega, hai un bo número de compañías e organismos poñéndose ao día sobre as súas posibilidades, entre as que se contan Coca Cola, Avis, a Expo de Zaragoza 2008, Bacardi, Marca ou a Dirección Xeral de Tráfico (DGT).
O trebello en cuestión, que está operativo arestora en 1.000 establecementos de Repsol, inclúe unha aplicación software propia de seu (e suxeita ás debidas actualizacións) e unha serie de recursos que (a xuízo da empresa responsable do desenvolvemento) van especialmente encamiñados a acadar que o seu uso sexa o máis doado posible. O seu funcionamento é o seguinte: opera coma un socio e unha voz publicitaria para as marcas que achegan os seus produtos nos puntos de venda que albergan o dispositivo.
O aparello foi deseñado en colaboración con diversos equipos de investigación de varias universidades españolas e contou para o seu éxito coa experiencia de Metalplast en materia de sinalización gráfica e alumeamentos por fibra óptica, entre outros produtos de tecnoloxía visual.
Spinlight: tecnoloxía galega de publicidade en 360 graos
Compartir Este Artigo

