Coidadiño cos internautas. Esta, así en bruto, é se cadra unha das recomendacións que máis se fan a si mesmas as autoridades chinesas cada pouco tempo. Dito doutro xeito: as cousas xa non son o que eran e a xente alporizada con determinadas accións políticas fai na Internet o que non pode facer na vida real, sobre todo porque na vida real hai máis posibilidades (aínda) de recibir un pauazo dos antidisturbios.
Isto de tirar partido da Rede é o que semella que está a acontecer cos Xogos Olímpicos en Pequín e, a maiores, coa política levada a cabo por China, pouco dada a permitir certas liberdades de expresión. Aí, na fronte virtual, é onde se sitúan os Reporteiros Sen Fronteiras para denunciar, a través dunha iniciativa en liña, a represión e a ausencia de liberdades do país.
A ONG, que vai camiño xa de contar (arestora) co apoio de máis de 8.000 internautas, está a empregar a dita páxina como praza pública de mobilización, usando todo tipo de recursos de animación nos que, entre outras cousas, podemos albiscar o estado olímpico de Pequín. Para participar na iniciativa, o único que temos que facer é encher o formulario que se nos presenta, achegando nome, apelidos, cidade e país de residencia. Logo, seleccionamos o lema que queiramos que figure na pancarta da figura virtual que nos vai recrear na cibermanifestación. A organización xa convocou mobilizacións fronte ás embaixadas de China en Roma, París, Escotolmo ou Londres.
Máis polo miúdo, as convocatorias teñen o obxectivo concreto que esixir a excarceración de todos aqueles xornalistas e defensores dos Dereitos Humanos chineses que estean arestora na cadea ou ben no exilio.
Reporteiros Sen Fronteiras convoca unha mobilización virtual para esixir máis liberdade en China
Compartir Este Artigo

