
Nesta precampaña, que leva por nome Compostela, futuro sen fíos, faise unha presentación xeral do servizo de Rede WiMAX que vai ofrecer o Concello (que terá continuidade con senllas campañas específicas a desenvolver cando a Rede estea en fase de probas) para que a veciñanza a empregue no momento no que os servizos estean operativos.
Con esta acción de marketing, o Concello de Santiago pretende informar á veciñanza sobre a actuación e os beneficios que reportará o novo sistema de conexión á Rede na cidade así como facer unha primeira cala sobre os tipos de servizos que teñen maior demanda entre a cidadanía.Asemade, outro dos obxectivos é dar a coñecer a marca Icompostela, coa que a capital galega quere “asociar a Rede WiMAX e os servizos sobre esta infraestrutura que vai prestar dende xa e que se poden desenvolver no futuro“, apuntou Pedreira.
Información e sondaxe

A partires de comezos de setembro intensificarase a campaña coa distribución de mupis nos lindes da Cidade Histórica e a emisión de spots nas televisións locais. Asemade, o 1 de setembro poderá accederse a unha microsite dentro da páxina do Concello, con toda a información sobre a WiMAX.
A concelleira fixo fincapé no feito de que haberá acceso de balde en parques e espazos públicos e tamén nos domicilios, restrinxido á consulta dun número reducido de páxinas (administracións e medios de comunicación), así como á posibilidade de navegación con bonos de tempo determinado. Pedreira quixo deixar claro que non hai ningunha posibilidade de ofrecer o servizo de modo totalmente gratuíto, porque non está permitido pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións. O servizo Icompostela non pretende, polo tanto, competir cos servizos que proporcionen outras operadoras, senón complementar e dar máis opción na que escoller nunha zona na que a competencia practicamente se reduce a unha soa operadora.

