O HTC Touch Diamond, o dispositivo móbil estrela da casa HTC do que falamos recentemente nesta mesma web, vén de recibir un importante recoñecemento da industria a nivel internacional que, sen entrármonos moito en materia, nos pode servir principalmente para abrir un pouco os ollos perante un punto concreto: non todo o monte é iPhone. De feito, vén de ser nomeado Smartphone europeo 2008-2009. O apoio ao devandito aparello, que vén da man de EISA (a Asociación Europea de Imaxe e Son, polas súas siglas en galego), salienta entre outras cousas a súa combinación de deseño e innovación, amais da súa funcionalidade. O recoñecemento de EISA, unha organización integrada por publicacións de gadgets, está a ser recibido en HTC Europe como un premio á capacidade de innovar e, polo tanto, de facer algo no mercado tecnolóxico que marque a diferenza.
Neste senso, o Touch Diamond representa para a casa responsable unha tentativa clara de establecer un novo estándar á hora de integrar prestacións móbiles avanzadas nun “dispositivo pequeno e atrativo”. Cómpre sinalar que o Touch Diamond ten unhas medidas de 102 x 51 x 11,3 milímetros e un peso de só 110 gramos, dentro dos cales alberga un terminal co sistema operativo Windows Mobile 6.1, pantalla táctil de 2,8 polgadas con resolución VGA e conectividade Bluetooth, Wi-Fi e HSDPA de ata 7,2 Mbps. O aparello, que xa está á venda en Europa a través de Orange, inclúe unha cámara de 3,2 Mpíxeles (con cámara dianteira para facer videochamadas), GPS, 4 Gb de almacenamento e tamén conta cun acelerómetro para rotar imaxes cando se xira o móbil.
O HTC Touch Diamond, nomeado smartphone europeo do ano
Compartir Este Artigo

