
O conselleiro nacionalista, Fernando Blanco, anunciou que mañá sairá no DOG a convocatoria dun concurso para a contratación da subministración de redes de telecomunicacións sen fíos por importe de 3,4 millóns de euros que permitirá estender a banda larga nos 20 polígonos.
O proxecto contempla dotar de banda larga os polígonos e zonas industriais de Noia, Curtis, Boiro, Narón, Arzúa, Guitiriz, Castro de Rei, Cospeito, Xove, Moraña (dous polígonos), Lalín, Meaño, Vilagarcía, Bueu, Agolada, O Carballiño, Verín, Pontedeva e Vilamarín.
O proxecto presentado hoxe permite avanzar no obxectivo de dotar de banda larga de calidade, a través de distintas tecnoloxías, ao 100% dos polígonos industriais e empresariais galegos.
Segundo avanzou o titular nacionalista, cos orzamentos de 2009 rematarase a actuación sobre os polígonos que quedaron fora das actuacións deste ano e, por outra banda, os de nova construción xa levarán previsto este servizo no momento mesmo da súa licitación.
Asemade, o conselleiro de Innovación e Industria engadiu que o seu departamento investiu 39 millóns de euros para achegar fibra e cabo para acceso a Internet ás vilas galegas, amais de destinar 1,65 millóns de euros ao proxecto piloto de acceso público a internet con tecnoloxía wimax en 12 concellos do rural. En total, segundo informou o titular nacionalista, son 45,65 millóns de euros os investimentos da Consellaría en infraestruturas de banda larga nos 3 últimos anos, dentro do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) coordinado pola Consellaría de Innovación.
Innovación dota de banda larga sen fíos a 20 novos polígonos galegos
Compartir Este Artigo

