
Dá a impresión de que Google non está a traballar nun navegador web completo, senón que o que pretenden é xuntar moitas das ferramentas que se atopan no mercado para empaquetalas nunha mesma aplicación (estandarizando o seu uso conxunto) aínda que resulta realmente abraiante que non se basee no motor Gecko (o que emprega Firefox).
Agárdase que a primeira versión de proba pública de Chrome chegue nas vindeiras horas, chegando primeiro en versión para Windows, e logo para Mac OS X e Linux. O que non se sabe é se esta aplicación se converterá nunha ameaza para o Firefox ou se, pola contra, se limitará aos usos que defenden dende Google, pois dende a empresa do buscador máis popular do mundo consideran que pode ser simplemente unha ferramenta para a execución de aplicacións web, de xeito que sería a plataforma recomendada para acceder a Gmail, Google Reader e outras webs semellantes coma se fosen aplicacións de escritorio (polo que ameazaría máis a aplicacións ofimáticas que a navegadores web).
Sobre a aparencia gráfica deste Google Chrome, dende TechCrunch filtraron unhas imaxes e vídeos, que xa non están dispoñibles, polo que haberá que un chisco para poder probar o novo produto de Google que de seguro que dará moito que falar nas vindeiras semanas.
ACTUALIZACIÓN: Dende pouco despois das 8 e media da tarde xa é posible a descarga e instalación da versión de proba de Google Chrome.

