
A aparencia limpa e sinxela de Chrome está a ser moi ben recibida, así coma o seu respecto polos estándares web, o seu reducido consumo de memoria e o seu rápido motor de Javascript, pero se esquecemos a percepción inicial do programa vemos que en realidade non é un produto tan bo coma prometen, e distintas páxinas web non presentan a información en pantalla con este novo navegador.
No tocante os respecto aos estándares web, o novo navegador é capaz de acadar unha puntuación de 77 sobre 100 (no test Acid3) mentres que o Internet Explorer fracasa totalmente pasando este tipo de probas e o Firefox se conforma con 71 puntos, pero non podemos esquecer que o propio Opera na súa edición final xa chega aos 83, polo que está claro que o motor de Chrome se pode mellorar, aínda que tamén se criticou duramente que a versión de WebKit que integra o novo navegador non fose a última, senón que se optase por unha versión que aínda presentaba unha vulnerabilidade moi grave que se pode explotar para enganar aos usuarios e conseguir que activen un executable Java. Entendemos así que non se trata dun navegador que poidamos considerar seguro, como tamén se detectaron problemas para traballar con certificados dixitais (que non son recoñecidos por páxinas web como a da Axencia Tributaria dende Google Chrome).
A velocidade do navegador tampouco é tan boa como proclaman, e aínda que é posiblemente o navegador que tarda menos tempo en iniciarse, empata co Firefox no tocante á velocidade de uso de JavaScript e CSS, mentres que en consumo de memoria o navegador de Mozilla parece claramente superior. Dende Mozilla incluso se molestaron ao ver cómo se aseguraba que Chrome era máis rápido executando JavaScript que o seu navegador, e fixeron comparativas tomando coma base a versión de proba do Firefox 3.1 (pois non esquezamos que Chrome tamén se trata dunha versión beta) e en tal contraste queda claro que o Firefox é superior.
Vídeo da conferencia de presentación de Google Chrome |
Tamén parece evidente que moitas webs van funcionar mal no novo navegador, pero o que resultou un tanto patético foi que, por exemplo, Lively, o servizo coñecido vulgarmente coma o Second Life de Google non está adaptado a Chrome, e incluso o servizo de estatísticas de visitas de páxinas web Google Analytics identifica o novo navegador coma se fose a versión para Windows de Safari, o que parece que continuará a pasar durante as vindeiras semanas (o que incluso se podería considerar irresponsable por parte de Google, que está a demostrar así que non teñen cunha coordinación interna de proxectos que eviten este tipo de incongruencias.
Pese a todo, parece que dende Google están a aprender dos erros, e precisamente por iso non lanzaron aínda as versións de Chrome para Mac OS X e Linux, pois segundo anuncian dende a compañía estes programas non serán adaptacións da versión de Windows, senón que teñen distintos equipos de desenvolvemento, polo que se axustarán ás capacidades e usos de cada sistema operativo.
Para rematar, os usuarios que gusten das características que achega Google Chrome e non queiran arriscarse a empregar unha versión de proba pouco madura pode optar por instalar Firefox con certos engadidos que permiten todas esas funcións.

