O secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, vén de clausurar o XXII Encontro das Telecomunicacións, que organizou a Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións de España (AETIC) maila Fundación Telefónica baixo o lema, Cara un novo ecosistema.
Na súa intervención, Ros, manifestou que un dos principais logros acadados ata o momento “é a mellora da cobertura da banda larga, que chega xa ao 98,8 por cento da poboación” grazas ó Plan de Extensión da Banda Larga, o cal tamén axudou a mellorar “sensiblemente” a cobertura de 6,5 millóns de habitantes do medio rural.
Asemade, o Plan de Extensión da Telefonía Móbil supuxo unha “notable” mellora na cobertura de telefonía móbil e da calidade deste servizo para máis de 1,5 millóns de habitantes do ámbito rural e para determinadas “áreas estratéxicas”.
Segundo palabras do secretario, “a cobertura do GSM/GPRS acada, na actualidade, o 99 por cento da poboación e a de UMTS sitúase en torno ao 70 por cento”.
Outro dos “logros” citados por Ros foi a “positiva evolución no proceso da implantación da Televisión Dixital Terrestre (TDT)” que, a día de hoxe, xa cubre ao 90 por cento da poboación e acada un 17,1 por cento do total de cuota de pantalla.
Por outra banda, o interlocutor fixo referencia ao programa Internet en el Aula, do que se beneficiaron, asegurou, “máis de 6 millóns de alumnos, 500.000 docentes e 20.000 centros educativos”.
No campo da administración electrónica, o secretario de Estado destacou o desenvolvemento do DNI Electrónico, do cal se expediron, ata a data, máis de 5 millóns de documentos. Neste senso, indicou que tódalas provincias españolas e “practicamente a totalidade das comisarías” contan xa coa dotación e o equipamento preciso para a súa expedición.
Principais liñas de actuación
O secretario de Estado tamén aproveitou este acto de clausura para indicar as liñas de actuación do goberno na vindeira etapa, na que, o Plan AvanzaDos “porá enfase en promover o emprego das TIC en cidadáns denominados non nativos en Internet e nas microempresas”, así como nas persoas maiores a través do Programa Avanza 55+.
O segundo reto, engadiu Ros, será “facer chegar as TIC a sectores produtivos pouco intensivos no seu uso” como as pequenas e medianas empresas, así como a mellora das infraestructuras e a posta en marcha do Observatorio da Calidade para avaliar a calidade e o impacto das medidas aprobadas.
Por último, para dar cumplimento á Lei de Medidas de Impulso da Sociedade da Información, desenvolverá unha base de datos actualizada (mapa de infraestruturas) sobre os servizos da Sociedade da Información e servizos de comunicacións electrónicas en España.

