
Segundo datos achegados este martes en Santiago por Luis María López González (do Departamento de Enxeñería Mecánica da Universidade da Rioxa), en Galiza, sendo pesimistas, poderíamos aforrar nun ano ata 100 millóns de euros levando a cabo diversas medidas de aforro enerxético. “E se somos máis positivos, é posible chegar aos 300”, engadiu durante a presentación na sede de FEUGA dos froitos acadados no Proxecto Gener.
No acto tamén se presentou a ferramenta informática do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) para o aforro de recursos nas pemes da que falabamos hai uns días.
No encontro, amais dos responsables directos do Proxecto Gener (por parte de Galiza: o INEGA, a Consellería de Innovación, o ITG, a CEP e a CEO) procedentes do eido galego e do norte de Portugal, déronse cita empresarios, profesionais e traballadores en xeral da dita eurorrexión vinculados directa ou indirectamente á produción, consumo ou xestión de enerxía. Entre as moitas conclusións ás que se foi chegando ao longo da xornada (que serviu para pórlle fin ao desenvolvemento do proxecto), fíxose especial fincapé no seguinte: Galiza ten un déficit de produtividade con respecto a outras zonas da Unión Europea que pode corrixirse a medio e longo prazo con medidas xerais de aforro enerxético nas empresas, dende a máis pequena ata a máis grande e sexan do sector que sexan. Por certo que para ir afianzando esta cultura do sostible no eido corporativo, a Consellería de Innovación (presente na xornada a través do Instituto Enerxético de Galicia, INEGA) deu a coñecer unha serie de iniciativas. Sen ir máis lonxe, presentou hoxe a convocatoria de axudas a proxectos de aforro enerxético e programas de recursos renovables na nosa terra correspondentes a 2008, axudas que inclúen un orzamento de máis de 15 millóns de euros (tal como se reflicte no Diario Oficial de Galicia deste luns) e que poderán tramitarse a través da web do INEGA.
En que consiste o Proxecto Gener?
Basicamente, a iniciativa consiste en dar a entender que hai xeitos de facer que as empresas galegas e do norte de Portugal sexan máis produtivas sen necesidade de facer grandes investimentos. Só como simple aceno de prender todo aquilo que consuma enerxía só cando sexa preciso. Máis polo miúdo, esta iniciativa europea (que incluíu 900.000 euros de orzamento), veu xustificada en boa medida pola necesidade de implementar nas empresas modelos de xestión eficaz da enerxía. Entre os contidos básicos atopamos todos os elos da cadea que unen a teoría e a práctica: información, formación, autodiagnose ou asesoramento. Os sectores nos que se traballou foron o conserveiro, o do turismo, o da madeira e o téxtil. Asemade, e de xeito complementario, púxose en marcha unha páxina web que operou como a columna vertebral do proxecto. De feito, foi posible realizar dende ela o labor de autodiagnose referente á ferramenta informática desenvolvida polo ITG, amais de facer comparacións sobre o que máis lle convén a unha empresa e enxergar o grao de eficacia enerxética que se ten.
Software galego de axuda para as empresas
Como dixemos, o encontro de Compostela tamén serviu para acoller a presentación oficial en Santiago do software que o Instituto Tecnolóxico de Galicia desenvolveu para contribuír nas empresas a reducir o gasto nos recursos enerxéticos. A ferramenta en liña, desenvolvida de xeito íntegro por este centro tecnolóxico da Coruña sobre tecnoloxía web e software libre, foi avaliada por Santiago Rodríguez Charlón, membro do instituto. O programa, coñecido como Software de Autodiagnóstico Enerxético para empresas, xa está operativo na Internet para todos os profesionais que queiran saber ata que punto se consume de máis no seu ámbito e que vieiros seguir para reducir o gasto en recursos e, en última instancia, contribuír á preservación dos mesmos. O emprego do software foi un dos piares sobre os que levaron a cabo unha serie de auditorías enerxéticas dentro do Proxecto Gener. No proceso participaron 41 empresas. Todas elas puideron reducir de xeito notable a súa factura enerxética a través de accións “priorizadas en función do seu impacto no consumo e período de amortización”, sinalan os responsables da iniciativa.

