A empresa galega Krasis segue a estreitar a xa de por si estreita colaboración con Microsoft, e faino arestora reforzando o seu papel de aval da compañía de Redmond en materia de formación para Galiza e España. Dito dun xeito máis completo: Microsoft vén de cederlle a Krasis unha parte crucial dos seus recursos educativos co fin de que esta ofreza cursos en liña de diversa índole. A colaboración, estipulada nun acordo entre ámbalas partes acabado de pechar (acordo que en certa maneira vén de lonxe, tal e como reflectimos hai pouco nesta entrevista), converte á firma con sede en Vigo na única do estado español que integra os contidos da multinacional na súa propia plataforma, segundo sinalan os responsables da compañía galega.
As vantaxes do devandito para Krasis e, sobre todo, para os clientes presentes e futuros dos seus recursos? En boa medida se centran na posibilidade que teñen as empresas de personalizar os cursos, facilitar o seu uso e facer seguimentos do seu aproveitamento por parte dos alumnos.
Para Krasis, o acordo é salientable dende todas as frontes. En primeiro lugar, fai que se consolide entre as primeiras compañías de aprendizaxe a distancia no eido da tecnoloxía de Microsoft, grazas precisamente aos niveis de calidade da achega formativa: “Con esta medida”, sinala a firma de Vigo nun comunicado, “incorporamos sobre a base dos cursos en liña tradicionais unha nova modalidade na que se seguen as pautas dun calendario e na que profesor e alumno poderán reproducir unha clase tradicional en directo”. Polo tanto, engádese, no transcurso da sesión poderase facer en boa medida o mesmo que nas actividades formativas que todos coñecemos: erguer a man, preguntar, explicar de xeito individual ou traballar de maneira simultánea sobre unha mesma aplicación. Asemade, subministrarase a posibilidade de seguir as actividades de aprendizaxe en diferido e completar a formación coas publicacións en papel da editorial Krasis Press, que, por certo, terá o vindeiro mes dous novos volumes no mercado.
A galega Krasis distribuirá directamente os cursos en liña de Microsoft
Compartir Este Artigo

