Máis tarde ou máis cedo, todos os que conducimos nos facemos a nós mesmos a seguinte pregunta: estamos feitos de verdade para levar estes vehículos nunhas condicións mínimas de seguridade? Dito doutro xeito: quen non se viu algunha vez sobrepasado polas circunstancias da estrada e do exceso de circulación? Neste senso, unha boa parte do que se está a desenvolver a través da maridaxe entre tecnoloxía automobilística e dixital vai no camiño de poñernos algo así como a parte que nos faltaba para conducir ben. Medidas que nos axuden, en definitiva, a non facer o trosma en cruzamentos e rotondas, meténdonos cando non debemos no fluxo de tráfico ou esquecendo as limitacións dos sinais. É nesta liña onde se sitúa unha boa parte do traballo dun complexo de investigación cen por cen noso: o Centro Tecnolóxico da Automación de Galicia (CTAG).
Un dos seus máis recentes proxectos, avaliado estes días por La Voz, iría encamiñado precisamente á creación dun automóbil que poña a parte de intelixencia que nos falta aos condutores, e da seguinte maneira: achegando (entre outras innovacións) unha ferramenta de identificación de sinais que é quen de lelos, de advertirnos se os desatendemos e mesmo de deter o vehículo se continuamos coa teima de non facerlles caso.
O sistema, que se chama TSR (Trafic Signal Recognition) vai ser presentado este mes na feira de tecnoloxías na automoción e tecnoloxía de Munich (Fisita), que se vai desenvolver a partir do día 19. O equipamento que inclúe un coche con TSR é amplo e variado e tira partido en boa medida dos logros acadados en redes dixitais e máis en labores de posicionamento. Deste xeito, o automóbil habilitado polo CTAG incorporaría unha cámara no parabrisas para facer os recoñecementos do treito de estrada que teña diante (e que lle serven para identificar as malas manobras e poñernos sobre aviso), mapas dixitalizados e ferramentas GPS de localización e un sistema de radiofrecuencia que lle permite ao propio equipamento tecnolóxico comunicarse co coche e dirixilo se é preciso.
Por certo que todo apunta a que esta innovación en concreto do CTAG vai espertar interese abondo no encontro de Munich por parte dun bo número de fabricantes, tendo en conta que o sistema semella especialmente indicado para reducir o número de sinistros nas estradas e lanzar ao mercado coches máis seguros, arestora moi demandados.
O CTAG presentará en Munich un prototipo de vehículo que le sinais e nos avisa se as infrinximos
Compartir Este Artigo

