Esta tarde en New York presentouse oficialmente o primeiro móbil do mundo co sistema operativo Google Android, o G1, fabricado pola taiwanesa HTC e comercializado nos EE.UU. por T-Mobile, que combina unhas prestacións moi semellantes ás do iPhone (aínda que apostando por un teclado físico, en vez de optar por un virtual) pero cunha forte dependencia de servizos de Google para o correo, a mensaxería, o calendario ou os mapas.
O novo dispositivo comezará a comercializarse nos EE.UU. o 22 de outubro, custando 179 dólares, aínda que sendo preciso contratar un plan de voz e datos cun compromiso de permanencia de 2 anos (o que nos volve a lembrar ao modelo de comercialización do móbil de Apple).
O terminal tamén se venderá este ano no Reino Unido, aínda que o resto de Europa tería que agardar ao primeiro trimestre de 2009 para ver un terminal telefónico co sistema operativo desenvolvido por Google e unha serie de empresas colaboradoras (entre as que hai dende fabricantes de terminais ata operadoras de telefonía móbil).
O T-Mobile G1 non é un trebello que destaque polos súas prestacións, xa que incorpora moitas cousas ás que xa estamos afeitos, mentres ten carencias que realmente non sentan nada ben ao usuario (coma non contar con Bluetooth estéreo, non gravar vídeo ou non poder utilizarse coma módem de datos dende un ordenador), pero hai que entender que o interesante deste lanzamento non está no hardware, senón na plataforma software que achega ao mercado da telefonía móbil, e que podería ser toda unha revolución (aínda que os máis críticos pensan que só se trata dunha plataforma móbil máis baseada en Linux).
Seguindo os pasos do iPhone, Android tamén vai contar cunha plataforma para a adquisición de aplicacións, aínda que dende Google aseguran que non porán restricións como as que impón Apple (que está a vetar programas se consideran que van contra os seus intereses).
Para promover a aparición de aplicacións dende Google lanzaron un reto para programadores do que naceron máis de 1.700 programas que poderán achegar a diversidade a esta plataforma aberta que quere trasladar a innovación vixente na web aos trebellos móbiles (o que non se tería que limitar necesariamente a teléfonos).
Android permitiría principalmente un uso moi doado dos servizos de Google dende o móbil, así como unha sincronización absoluta nos correos electrónicos, contactos, anotacións nos calendarios ou mesmo sesións de chat a través de Google Talk. Deste xeito, a plataforma móbil de Google incorporará dende un primeiro momento a tecnoloxía push que caracteriza ao firmware 2.0 do iPhone (que tardou un ano en chegar e que abriu moitas posibilidades para o uso do dispositivo por parte de profesionais).
Aparte da excelente integración de Gmail, Google Talk, YouTube ou Google Maps (incluíndo a Street View), a plataforma Android tamén permite utilizar servizos alleos a Google coma outras plataformas de mensaxería instantánea (AOL, Yahoo! Messenger e Windows Live Messenger) e mesmo unha aplicación de Amazon para acceder a unha tenda de descargas que ofrece actualmente máis de 6 millóns de temas musicais en formato MP3 sen protección DRM.
As comparacións desta plataforma co iPhone de Apple son inevitables, e nunha mirada rápida poderiamos dicir que as principais diferenzas (obviando que a solución de Apple é pechada e a de Google aberta) entre o T-Mobile G1 e o iPhone estarían en que o novo móbil permite o envío e recepción de MMS, incorpora un teclado QWERTY e basea a súa sincronización na Rede mentres que o iPhone está pensado para un uso combinado cun ordenador e ten maior capacidade interna (pois está máis pensado para a reprodución multimedia, pois cómpre indicar que o G1 carece incluso de reprodutor de vídeo). Todo apunta a que o éxito a longo prazo de ambas plataformas dependerá da confianza que inspiren nos desenvolvedores de software, aínda que non sobra indicar que este tipo de produtos non están pensados para un usuario de móbil ordinario, pois compiten no sector dos smartphones (no que Microsoft tamén presentará avances en breve) e non cos móbiles básicos, que son os máis demandados.
Anuncio do terminal T-Mobile G1
T-Mobile e Google presentaron o primeiro móbil con Android
Compartir Este Artigo
