A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, en colaboración coa súa homóloga da Universidade do Porto, veñen de anunciar a celebración do primeiro Festival Internacional de Vídeo, U.Frame, que terá lugar entre os días 1 e 5 de outubro na cidade lusa.
Os organizadores deste festival aseguran que está pensado para ser “un espazo de promoción da creatividade e dos novos formatos” para crear, deste xeito, un nexo de unión entre as distintas áreas do audiovisual e multimedia a nivel mundial.
Ademais de contar coas seccións xenéricas de exhibición de documental, ficción, animación e experimental, o evento, que se desenvolverá entra a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Porto e a biblioteca Almeida Garret, ofrece dúas áreas específicas de competición; unha delas é Media Light, que engloba tódolos filmes feitos mediante o teléfono móbil e a outra área é Second Life, que aglutina as películas producidas nun ambiente virtual.
O U.Frame ten como principal obxectivo, estimular as novas formas narrativas así como propiciar o intercambio de experiencias entre os alumnos e promover a realización de obradoiros audiovisuais.
O festival dará comezo o vindeiro día 1 de outubro ás 15:00 horas, coa recepción dos participantes e rematará o día 5 de outubro coas exhibicións dos traballos vencedores.
Asemade, o día 3, ás 16:00 horas dará unha conferencia Juan Galiñanes, membro de Dygra Films, na que falará do proceso que hai dende a elaboración do guión ata a súa plasmación na pantalla.
As universidades de Porto e A Coruña organizan en outubro un festival de vídeos… feitos co móbil
Compartir Este Artigo

