As empresas da Rede seguen a lanzar os seus reclamos nunha loita por abranguer mercado que pasa, cada vez máis, por repartir ferramentas. Dito dende a beira contraria: aos internautas xa non lles chega (e está ben que así sexa) con ser oíntes e lectores. Nesta liña de facelos axentes activos e pasivos a un mesmo tempo é onde se insire a nova achega de Microsoft en materia de lecer: MSN Reporter, un servizo participativo que lles permite aos usuarios da dita web-rede social compartir, votar noticias e, por suposto, facelas elas mesmos.
En definitiva, xa non se trata de favorecer unha situación que nos dispoña na pel de xornalistas. Microsoft semella que quere que sexamos en carne e óso xornalistas. O servizo, que é de balde, vai dirixido para os usuarios de MSN. Ou sexa, para os que estean rexistrados e empreguen Messenger, Hotmail, Space e outras canles Windows Live, que poderán usar Reporter sen necesidade de rexistrarse expresamente.
A ferramenta, que xa se lanzou en España no mes de setembro, está a ser obxecto agora dun intenso labor de promoción. Un dos primeiros países nos que se puxo a punto foi Holanda, onde leva en activo dende hai máis de un ano, acadando ao longo dese tempo un millón de usuarios únicos mensuais. Máis polo miúdo, o servizo baséase nunha tendencia web que, sen aparente risco de esgotarse, está a producir unha chea de ingresos nas caixas rexistradoras dos xigantes da Web: a tendencia de permitir que se vexa e se comparta, que unha parte da construción do servizo sexa (tamén) responsabilidade do usuario.
MSN Reporter, que como dixemos converte aos internautas en xornalistas, achégalles tamén a última palabra cos seus votos, comentarios e capacidade de moderación. O sistema, por certo, pódese usar a nivel de usuario ou mesmo integrado en medios de comunicación consolidados. Abc.es ou europapress.com son algúns dos portais que xa inseriron o botón de MSN Reporter nos seus menús de redes sociais.
MSN Reporter: Microsoft aposta polo xornalismo colectivo
Compartir Este Artigo

