En xuño de 2008 falábamos da creación dun grupo de comunicación que partía cun investimento de 40 millóns de euros e do que en todo este tempo só soubemos de 2 proxectos: o popular blog 233grados.com e a Practicopedia. ¿Onde estaba entón o peso deste novo grupo puramente dixital segundo apuntaba o seu nome, DixiRed? Pois parece que pronto o saberemos, se atendemos ás palabras de Enrique Infante e Vanessa Jiménez durante unha conferencia na Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra na que falaron do Proyecto i (a marca final é aínda un misterio), o que sería un novo xornal dixital que mesturaría na produción de novas a agregación de novas, os contidos xerados polos usuarios e a información da man de xornalistas profesionais. O novo medio será nativo dixital e non contará con respaldo en papel, e dende DixiRed incluso pensan que as edicións impresas poden supor un lastre.
A nova cabeceira dixital sairá a primeiros de 2009, e entraría así en competición directa con outro medio electrónico coma Soitu (estreado hai case un ano), supondo todo un revulsivo para o sector en España, onde os medios tradicionais continúan dominando nos hábitos de consumo, o que podería cambiar nos próximos anos.
DixiRed estreará diario dixital a primeiros de 2009
Compartir Este Artigo
