O navegador libre creado pola Fundación Mozilla, Firefox, segue a experimentar un medre no seu uso ao igual que viña acontecendo nos meses anteriores. Se en setembro, Firefox ía alén do 20 por cento na súa cota de mercado, en outubro xa andaba a rentes do 21 por cento, e segue a subir arestora como a escuma.
No décimo mes do ano, Firefox, segundo datos publicado por NetApplications, obtivo unha porcentaxe de emprego do 20,78 por cento, uns “6 puntos por enriba da cifra coa que comezaba 2008”.
Por outra banda, a ferramenta curmá, o Explorer de Microsoft, semella ir perdendo adeptos a favor do navegador do raposo. Este chegaba en setembro ao 71 por cento e este mes pasado descendeu ao 69,77, unhas cifras inversamente proporcionais ás de Firefox, que se reduciron aproximadamente en 6 puntos dende xaneiro e en preto de 20 en comparación con hai 4 anos.
Outro navegador que tamén medra é o Safari. Dende xaneiro, cun 5,82 por cento, incrementou o seu uso ata o 7,13 por cento en outubro. Unha cifra que aínda lle queda lonxe ao Chrome, o análogo de Google, que non consigue calar entre os usuarios e ten que conformarse cunha cota de mercado de 0,83 por cento.
Pero a grandes males, grandes remedios, e Microsoft agarda obter unha mellora da vantaxe sobre o seu competidor principal en breve, co lanzamento da oitava versión do Explorer a comezos do primeiro trimestre do vindeiro 2009.
Firefox segue aumentando a súa cota de mercado
Compartir Este Artigo

