A Rede é unha praia por onde pasa a marea cada moito tempo (se pasa). Ou sexa, que as pegadas que deixemos soen ficar alí. En contra do que se soe pensar, non saímos cen por cen indemnes de cada navegación que facemos, e iso, que non ten porqué ser un problema, adquire connotacións preocupantes se cando o que se pon diante do computador é un internauta acabado de chegar ou un menor de idade. Para o director da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), Artemi Rallo, os usuarios da Rede na súa maioría non son conscientes do alcance que pode ter o ronsel que deixan na Internet, malia que no fondo saiban que detrás deles fica algún tipo de rastro. Nunha entrevista feita por EFE e publicada en medios como El Mundo, o responsable da AEPD apela á necesidade de concienciar aos internautas sobre os seus dereitos á hora de eliminar esa información deixada sobre as súas sesións, concienciación que ao seu xuízo non poderá ser completa se non se conta co compromiso da industria.
Para Rallo, as empresas que achegan servizos vinculados de xeito máis ou menos directo á Rede teñen a obriga de minimizar os problemas e dar conta dos posibles perigos da Internet entre os colectivos de máis risco, sobre todo a mocidade. Hoxe en día, subliña Rallo na dita entrevista, o que ata hai ben pouco se facía sobre todo na vida real, a práctica do fraude, está a atopar no anonimato e na accesibilidade das novas tecnoloxías o seu medio de actuación ideal. Neste senso, subliña, a publicidade que chega a través do móbil estase a converter nunha das principais ameazas, sobre todo se temos en conta que os calotes telefónicos son cada vez máis sutís e apelan con maior medida a aspectos verosímiles abondo da comunicación actual: a busca de compañía, de parella ou de traballadores para levar a cabo calquera tarefa. Asemade, expresou a súa preocupación polo que considera un eido aberto para a aparición de novas formas de criminalidade: a libre de transmisión de imaxes. Na súa opinión, xa que o coñecemento debe ser libre (se lle poñemos límite ao fluxo de arquivos para evitar que se transmita o malo, tamén se impedirá a achega do positivo), cómpre que o labor de prevención sexa xa fóra de liña e dende o comezo de todo: facendo que o sistema educativo forme ás mozas e mozos sobre o dereito constitucional á protección de datos persoais, sobre os ricos da navegación e sobre os empregos idóneos das novas tecnoloxías da información.
A Axencia de Protección de Datos advirte das pegadas que deixamos sen borrar na Rede
Compartir Este Artigo

