A ministra de Educación, Mercedes Cabrera, foi a encargada de entregar a pasada noite os premios do Comité Estatal de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi), Cermi.es, que realiza un “incansable” traballo en torno aos dereitos das persoas con algún tipo de discapacidade.
A cerimonia congregou a máis de 300 persoas do mundo empresarial, político, sindical, ONG e movemento asociativo da discapacidade entre as que destacaron o presidente da Comisión Permanente da Discapacidade no Congreso, Jesús Caldera e o director xeral para o Impulso da Administración Electrónica, Juan Miguel Márquez.
Os Premios Cermi.es, o denominado “xornal da discapacidade”, unha publicación en liña do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade, son entregados tódolos anos e teñen o obxectivo de “constituír un recoñecemento e unha manifestación de gratitude á solidariedade demostrada pola sociedade cos obxectivos defendidos pola representación das persoas con discapacidade e as súas familias”.
Premiados
Nesta sétima edición dos premios Cermi.es, recoñeceuse ao Servizo Canario de Emprego e á Dirección Territorial de Canarias para a Inspección de Traballo e Seguridade Social na categoría de Inclusión Laboral, pola súa campaña para fomentar o cumprimento da obriga de reservar na empresas unha cota de emprego a favor dos traballadores con discapacidade.
Na categoría de Investigación Social e Científica, premiouse ao Instituto de Biomecánica de Valencia por fomentar a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico relacionados coa promoción da autonomía persoal.
Como Acción Social e Cultural, a cadea Confortel Hoteles, obtivo o galardón por ser pioneira no sector hoteleiro en canto á accesibilidade global dos seus servizos.
A Federación Luna de Andalucía foi recoñecida como Mellor Acción en beneficio das mulleres con discapacidade e no apartado de Medios de Comunicación foi galardoada a campaña publicitaria de Repsol, que pon de manifesto o seu compromiso coa inclusión social e laboral de persoas con discapacidade.
Como Mellor Acción Autonómica e/ou local, recoñeceuse ao Concello de Ávila e o Equipo Paralímpico Español recibiu o premio na categoría Institucional, en recoñecemento aos méritos deportivos colleitados nos Xogos de Pequín 2008.

