Blusens Corporation, a multinacional tecnolóxica galega, vén de presentar as súas últimas novidades para o Fogar Dixital así como os seus novos dispositivos para usuarios con “grandes necesidades móbiles”.
O obxectivo desta compañía con sede en Santiago de Compostela é seguir proporcionándolle aos seus clientes “a última tecnoloxía para o fogar do futuro” e, por iso, vén de lanzar ao mercado a súa nova gama de televisores LCD con TDT e DVD integrado, así como o Centro Multimedia T.50 con sintonizador TDT.
Desta volta, Blusens tampouco esqueceu aos usuarios que precisan estar conectados á Rede en calquera momento e lugar, ou aos que gostan (no seu tempo de lecer) de escoitar a súa música favorita ou ver as últimas películas do mercado; para este tipo de clientes, a compañía tecnolóxica galega vén de estrear o netbook FreePC, os altofalantes de peto Bee:blue e o DVD portátil P.54.
Todos estes produtos poderanse adquirir ademais das tendas habituais e grandes superficies comercias na tenda en liña que a firma abrirá en breve.
Pero as accións de expansión de mercado que Blusens Corporation vén de levar a cabo non rematan coa presentación dos seus últimos produtos, senón que a multinacional tecnolóxica vén de anunciar asemade, o establecemento dunha nova filial en Canadá, para continuar así coa estratexia de internacionalización que contempla unha presenza de Blusens en 50 países para 2009.
Esta filial, con sede en Toronto, suporá a antesala para unha posterior entrada nos EEUU, porén, antes, Blusens xa comezou as súas xestións para a comercialización dos seus produtos a través de contas estratéxicas como o Toronto Football Club, o equipo de primeira división da cidade canadense.
Esta acción de expansión internacional prevé que a facturación fora de España supoña, a lo menos, o 50 por cento do global de facturación da compañía nos vindeiros dous anos.
Blusens estrea nova filial en Canadá
Compartir Este Artigo

