Os internautas que visitaron hoxe algunha web que inclúa vídeos de YouTube levaron unha desagradable sorpresa ao ver que o portal de vídeos de Google afeou o seu reprodutor de vídeos incluíndo unha barra de busca na súa parte superior sen previo aviso e ningunha comunicación oficial, confirmándose que o servizo está a abusar da súa posición dominante, ao integrar no seu servizo moitas prácticas rexeitadas no pasado polos usuarios, coma son os anuncios de vídeo ao final dos clips reproducidos, os faldóns publicitarios sobre os vídeos durante a súa reprodución e, en definitiva, unha saturación publicitaria que non se corresponde en absoluto coas declaracións que facían no pasado os responsables do servizo, que aseguraban que experimentaban as distintas solucións publicitarias para incluír as menos intrusivas e molestas (e agora aplican xusto as que tiñan desbotadas).
Parece que o único método publicitario que non empregan polo momento son os anuncios de vídeo en pre-roll (ou sexa, antes do vídeo a visualizar) que serían totalmente intrusivos, e non parece que vaian a inserir por poder provocar unha fuxida masiva de usuarios.
ACTUALIZACIÓN: Parece que a barra de busca non está a gustar ao público, e dende YouTube decidiron non amosala de xeito fixo, senón que só aparece cando se pasa o cursor sobre os vídeos (o que podería ser máis estético, á vez que moi intrusivo).
YouTube inclúe unha barra de busca no seu reprodutor de vídeos
Compartir Este Artigo
