Quintana respondendo a unha consulta de Andrés MilleiroUn par de meses despois do seu lanzamento, o portal de vídeo do vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, integrou elementos participativos para achegarse aos cidadáns mediante a ferramentas que facilita a Internet, de xeito que os usuarios armados cunha webcam poden facer video-preguntas ao que será o candidato á presidencia da Xunta, pero nestes días nos sorprenden vendo que estas cuestións están a ser respondidas directamente por Quintana, tamén en formato de vídeo, estreándose en Quin.tv unha sección coas respostas ás consultas dos usuarios que tiveron a ben contactar con el a través desta revolucionaria técnica. Quintana fala así da Lei de Dependencia, do reintegracionismo, de medios de transporte ou da súa visión da Rede, o que en boa medida axuda a espallar estas manifestacións públicas por toda a web, para o que dan as cumpridas instrucións en Quin.tv. As respostas de Quintana teñen moito valor, pois se converten nunha canle de difusión das súas ideas, serven para dar unha imaxe de transparencia e mellora a súa presenza na Rede, pois as persoas que ven atendidas as súas preguntas tamén contribúen á difusión das respostas.