A Cova, o xogo das palabras encadeadas en versión tecnolóxica que durante o último mes percorreu distintas cidades galegas da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vai volver este xoves a escena, no Palexco da Coruña, onde participará, ata o vindeiro domingo día 7 de decembro, na Feira Galega das Industrias Culturais, Cultur.gal.
Política Lingüística, a entidade responsable desta iniciativa, vén de anunciar que situará a instalación na zona de benvida da feira “para que tódolos asistentes poidan pasar por ela e deixar a súa palabra”, de xeito que se vaia construíndo unha cadea de verbas en galego con tódalas achegas que se reúnan no Cultur.gal.
A Cova está dirixida a persoas de tódalas idades sen excepción que teñan ganas de empregar a nosa lingua nai a modo de xogo e os seus responsables empregan o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (Volga) como ferramenta para garantir a corrección dos vocábulos que se van engadindo cada día á cadea.
A instalación, inspirada no mito da caverna de Platón, permaneceu anteriormente en diferentes espazos públicos de moito tránsito peonil das cidades de Santiago, A Coruña, Ourense, Vigo e Lugo, onde preto de 3.000 persoas participaron coa súa palabra. Desta volta, ao longo da xornada do venres, as persoas que se acheguen á Feira Cultur.gal e participen na iniciativa levarán como agasallo unha camiseta estampada cun graffiti da palabra que escollan.
Asemade, outras actividades de animación lingüística promovidas pola Secretaría Xeral que van ter lugar en Cultur.gal serán a presentación da obra Flis-fli-ris-flás, que se está a representar en distintas vilas e cidades galegas para nenas e nenos de primeiro ciclo de Primaria e o Contador, outra das experiencias promovidas por Política Lingüística no eido da dinamización da lingua que promove a creatividade e a espontaneidade no emprego da lingua galega oral.
Política Lingüística participa en Cultur.gal coa súa versión tecnolóxica do xogo da Cova
Compartir Este Artigo

