
Para Galicia Profunda, como dixemos, é importante facerlles unha homenaxe, de aí o lanzamento na Internet dos Premios 100% Friki Galego, unha oportunidade para (en palabras dos propios organizadores) achegar a estes colectivos un recoñecemento máis que merecido. Para esta primeira convocatoria, sinalan, xa hai catro categorías establecidas: o friki galego por antonomasia (“o rei de reis do frikismo céltico”), o político máis peculiar, a nova galega máis estraña do que vai de 2008 e o vídeo galego máis impactante dos pendurados na Rede.
Os internautas que estean interesados en participar xa poden deixar o seu voto o comentario no blog de Galicia Profunda ou ben enviando un correo á conta galiciaprofunda@gmail.com. Por certo que os responsables do certame queren tirarlle o máximo partido á participación: sortearase entre os internautas que envíen achegas unha postal electrónica e máis unha camiseta que inclúan unha montaxe co friki galego por antonomasia que saia finalmente escollido. A iniciativa, que aparece estes días referenciada na comunidade Chuza!, inclúe (para poñérmonos ao día antes de votar) vídeos de personaxes senlleiros da heterodoxia galega, como Cañita Brava ou o recentemente desaparecido John Balan, representante máximo dun xénero artístico de vangarda que el mesmo inventou: o surrealismo-western.
Galicia Profunda anima á comunidade web galega a elixir ao seu friki preferido
Compartir Este Artigo

