A sombra de Bill Gates en Microsoft semella ben longa. Tanto que non só ten influenciado arreo na liña produtiva da multinacional ao longo dos moitos anos en que estivo á súa fronte, senón mesmo cando xa non está á súa fronte. E sobre todo no que parece ser unha continuidade da empresa no eido humanitario, principal actividade de Gates arestora. Desta volta, a compañía de Redmond está a centrar o seu labor activista en África, máis polo miúdo nos países e sociedades onde máis se está deixando notar a pegada devastadora da SIDA. A iniciativa puntual de Microsoft, que se insire na campaña RED, require da participación dos seus clientes: logo da devandita data, quen merque o Windows Vista Ultimate (Product) RED colaborará coa loita da empresa contra a doenza e sen ningún custe adicional. De feito, é a firma quen se compromete a achegar unha porcentaxe dos seus ingresos á Fundación Global.
Segundo informa a compañía, este máis que ningún outro é o intre axeitado de sermos solidarios, e quen queira pode facelo a partir de hoxe a través da compra deste produto en Amazon.com ou pola vía das tendas Dell, empresa que tamén colabora na iniciativa.
Polo que se refire á campaña en si mesma (de nome RED), dicir que nela non só participa Microsoft, senón outras empresas de peso como Apple, Armani, Converse ou American Express, xunto cunha listaxe de 14 plataformas humanitarias contra a SIDA e outras plataformas e personaxes públicos de renome. A proposta funciona así no seu eido comercial: as compañías participantes comprométense a doar a metade do prezo de cada unidade vendida. Calcúlase que a firma fundada por Bill Gates achegará máis de 115 millóns de dólares aos programas dirixidos pola Fundación Global. A idea é que estes cartos sexan investidos no acceso á educación, a nutrición, os servizos médicos e os medicamentos dos enfermos de VIH.
Microsoft pon á venda o seu Windows contra a SIDA
Compartir Este Artigo

