O xogo Cativadas, no que unha ratiña virtual (Lola) lles aprendía aos internautas de curta idade (e aos maiores tamén) diferentes coñecementos prácticos sobre as redes, a informática en xeral e o galego, volve ás andadas. E faino da man de Opaco, con melloras, dispoñibilidade en liña total e un novo enderezo. O regreso da proposta, que se está a celebrar en Chuza! cunha longa serie de comentarios, foi por dicilo así o retorno dun retorno, xa que (polo que contan os chuceiros), xa hai tempo que se vén reanimando á ratiña Lola e desde o mesmo espazo en liña. Cómpre sinalar que o xogo Cativadas, polo menos na súa dispoñibilidade, remóntase a comezos do 2005, cando foi presentado como unha páxina web (www.cativadas.com, arestora non operativa na Rede) intermediaria entre mestres, rapaces e pais, dándose a coñecer tamén en modalidade CD (repartíronse uns 10.000 exemplares en tódalas gardarías de Galiza).
O alicerce do xogo, amais da súa vontade de achegar coñecementos tecnolóxicos básicos para as nenas e nenos de menos de tres anos, non é outro que Lola, a ratiña que axuda -entre outras cousas- a ir desenvolvendo unha actividade favorable de cara ao futuro uso das ferramentas da Sociedade do Coñecemento.
Dito doutro xeito: trátase dunha proposta para alfabetización dixital temperá que prepara o camiño cara un escenario, o da Educación Infantil e Primaria, cada vez máis inzado de recursos informáticos. Por certo que na revista en papel Código Cero publicamos no seu día un artigo sobre a iniciativa que podemos ver xa neste pdf.
O xogo Cativadas rexorde na Rede da man de Opaco
Compartir Este Artigo

