O pasado día 4 de decembro, a coñecida e tradicional Guía Campsa cumplía 30 anos e daba paso á súa sustituta, a Guía Repsol 2009, que se presentaba chea de novidades para facer da viaxe por estrada un placer para os condutores e condutoras españoles. Este cambio de nome supuxo ademais un cambio de imaxe e novos apartados para consultar como as rutas gastronómicas por España, que acompaña ás xa famosas guías de estradas e de viños da antiga guía.
Porén, a novidade que máis curiosidade espertou entre os seguidores deste “pergamiño” de viaxeiros modernos foi o portal de viaxes e ocio que Repsol estreou a canda a súa nova guía para o 2009.
O novo portal Guíarepsol.com, vén de renovar a súa apariencia e agora, ademais das ligazóns e contidos que xa tiña, ofrece novas ferramentas que lle facilitan a navegación aos internautas.
Os mapas e as fotografías aumentaron a súa calidade grazas á colaboración de Tele Atlas e BLOM, especialistas en cartografía dixital, de modo que o viaxeiro poderá visualizar o seu destino de xeito case real a través das imaxes de satélite e vistas en 3D de mapas, rueiros e rutas.
En concreto, a guía permite planificar as viaxes a través dos mapas de máis de 6.500 localidades españolas e 75.000 de toda Europa.
Para completar a imaxe do destino escollido polo viaxeiro, o portal web incorpora por primeira vez os vídeos ás súas reportaxes turísticas e gastronómicas e, asemade, permítelle aos usuarios incorporar os seus comentarios, votacións ou fotografías sobre os lugares, hoteis e restaurantes visitados durante calquera ruta.
O obxectivo desta nova guía en liña, segundo vén de asegurar o presidente de Repsol, Antonio Brufau, é “acadar a interactividade cos usuarios, un trato máis humano con eles e facer da web un punto de encontro para os viaxeiros”.
Entre as novidades que presenta a nova guía Repsol en liña destacan asemade a incorporación de información sobre as incidencias de tráfico, o custe das peaxes, as rutas alternativas para evitar atascos ou accidentes e o tempo estimado de cada ruta.
A aposta virtual deste produto parte dos seus antecesores en 2002, cando naceu a guiacampsa.com, un portal web concebido como “multicanle”, que se complementaba co CD Rom interactivo e, posteriormente, en 2006 e 2008, coa incorporación da Guía aos navegadores de móbil.
A Guía Repsol 2009 aposta polo turismo dixital e polos contidos multimedia
Compartir Este Artigo

