O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, vén de asinar na capital galega un convenio de colaboración coa Fundación para a Promoción da Innovación, Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico na Industria da Automoción de Galicia para a construción das instalacións dun Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes.
O acordo, que supón un investimento de 10 millóns de euros por parte de Industria, complementará ao Centro de Automoción de Galicia e terá como principal obxectivo, conformar un sistema integral de investigación, desenvolvemento e validación de sistemas e vehículos intelixentes que englobe tódalas infraestruturas necesarias para poder dar resposta ás futuras necesidades do sector.
Este Centro fomentará a I+D de calidade, a formación de especialistas na área da electrónica para automoción e a creación de empresas de base tecnolóxica spin-off.
Asemade, contribuirá a xerar patentes e procedementos tecnolóxicos innovadores que beneficien ao tecido industrial e potenciaraá a transferencia tecnolóxica ao sector empresarial.
Este Centro quedará englobado dentro do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e constará de varios edificios con diferentes usos.
Segundo os seus responsables, “o novo Centro de Excelencia pretende erixirse nun centro de referencia a nivel europeo no eido da investigación e o desenvolvemento de sistemas electrónicos para vehículos intelixentes, contribuíndo á consolidación dun polo de competencia en automoción a nivel mundial en Galiza”.
Na actualidade, non existe, nin a nivel estatal nin europeo, unha infraestrutura agrupada dedicada de xeito global á Electrónica para Vehículos Intelixentes similar a este futuro Centro, que para desenvolver a súa actividade, dotarase dunha serie de laboratorios e instalacións “singulares”.
A Fundación para a Promoción da Innovación, Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico na Industria da Automoción de Galicia será a encargada da súa construción. Entre xaneiro de 2008 e decembro de 2010, levaranse a cabo accións e investimentos relacionados coa primeira fase de construción de instalacións de investigación, desenvolvemento e validación de sistemas do Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes, dos cales, no marco do convenio se van a financiar custos por un importe global de 10 millóns de euros. En concreto, 3 millóns serán para a adquisición de terreo, 1,54 millóns para o seu acondicionamento e urbanización, 3,36 millóns para a construción e 2,1 millóns para as instalacións.
Galicia achegará un centro de investigación europeo para vehículos intelixentes
Compartir Este Artigo

