A nivel de telefonía, a fenda que afasta en Galicia aos usuarios ben equipados dos que fican atrás en materia de desenvolvemento ten un nome ben concreto: TRAC. Estas siglas, que designan ao tipo de tecnoloxía obsoleta que aínda dá servizo (telefonía rural de acceso celular) a determinadas zonas non urbanas da nosa xeografía, é a equivalente ao analóxico na televisión pero con agravantes: as liñas TRAC non só achegan unha conexión telefónica de baixa calidade senón que impiden por si soas o acceso a Internet de calidade. Pois ben, segundo sinala hoxe La Voz de Galicia, tan difícil é unha conexión á Rede co seu emprego coma librármonos delas. De feito, o apagamento da totalidade das liñas TRAC, que estaba programado para o último día de 2008, non vai poder ser efectivo de xeito íntegro ata o vindeiro mes de marzo, en boa medida por “causas técnicas”, segundo veñen de informar o Goberno e Telefónica.
Máis polo miúdo, o principal atranco para este despregamento é o de costume no noso país: as dificultades achegadas dende o punto de vista orográfico. Para Telefónica, empresa encargada desta substitución, non son moitos os fogares que fican pendentes deste labor de reemprazamento, pero a situación xeográfica que achegan é abondo complexa como para que fose preciso pedirlle ao Goberno unha prórroga de dous meses para os devanditos traballos. A tecnoloxía TRAC, especialmente presente en Galicia polo disperso da súa poboación (esta infraestrutura non obriga a habilitar tendido de fíos), ten aínda uns 2.000 usuarios na nosa terra. Estas son precisamente as familias que serán obxecto da substitución tecnolóxica ao longo das vindeiras semanas. As alternativas, neste senso, soen ser tres: tendido de fíos, TRAC GSM, LMDS ou satélite.
O apagamento íntegro da TRAC aprázase ata marzo
Compartir Este Artigo

