O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, vén de inaugurar, esta mesma mañá no concello lugués de Cervo, a nova rede de telecomunicacións sen fíos do polígono industrial de Cuíña. Estas instalacións, desenvolvidas con tecnoloxía WiMAX, ofrecen cobertura de banda larga de calidade ás empresas localizadas no polígono e supuxeron un investimento por parte do departamento de Fernando Blanco de 71.200 euros.
Blanco considerou que a nova infraestrutura representa unha “boa contribución para mellorar a actividade das empresas do parque de Cuíña e a súa capacidade de atracción empresarial” e engadiu que a día de hoxe, “a dispoñibilidade de conexión a internet por parte do sector empresarial é imprescindible para que poidan manter a súa competitividade produtiva e de servizos”.
Pese a que na actualidade, os novos polígonos contemplan o servizo de banda larga dende a súa construcción, son moitos os polígonos industriais galegos que aínda non contan con conexións á Rede óptimas para o desenvolvemento das súas actividades en liña. É por isto que Blanco asegurou que a Consellaría que dirixe “está a suplir coa instalación de sistemas de telecomunicacións sen fíos en 32 polígonos do país”, obxectivo para o cal conta cun investimento de preto de 5 millóns de euros.
Este presuposto, indicou, “servirá para implantar, de xeito progresivo, a banda larga en 20 parques máis antes do 15 de xuño deste ano”.
A Rede Wimax no polígono de Cuíña
A nova instalación WiMAX do polígono de Cuíña de Cervo ocupa 28 metros cadrados de superficie. Consiste nunha torre de telecomunicacións que conecta co radio-enlace de Burela para captar a sinal e levala mediante 2 antenas ao conxunto do parque empresarial e as súas zonas estremeiras nun radio de 1,5 quilómetros, co que parte das vivendas de San Cibrao, Espiñeirido e Gondrás, entre outras, poderán recibir o servizo. Ademais do acceso a Internet con largo de banda, velocidade e prezos competitivos tamén estará dispoñible a transmisión de voz sobre IP. Ofértanse servizos de entre 2 e 12 Megas, 10 contas de correo de capacidade de 1 GB con antispam e antivirus, acceso a mensaxería para a xestión de correos, mensaxes de voz e fax, envío de mensaxes xigantes e vídeo supervisión (cámaras vixía para ver e gravar o interior e o entorno da empresa).

