A Consellaría de Innovación e Industria vén de anunciar, a través do seu titular, o nacionalista Fernando Blanco, que este ano convocará dúas ordes de axuda para a extensión do uso das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nas empresas e no conxunto da sociedade galega.
O conselleiro presentou as convocatorias esta mesma mañá na capital galega perante o tecido empresarial do sector e anunciou que a dotación orzamentaria das axudas vaise incrementar un 46 por cento con respecto ao ano pasado, ata acadar un importe global de 7,3 millóns de euros.
En presenza da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade de Información, Helena Veiguela, o conselleiro considerou que a medida “contribuirá a mellorar a competitividade do tecido produtivo do país, a xerar riqueza e a actuar contra os efectos da crise económica”.
A primeira das ordes presentada destínase a empresas e, segundo apuntou Blanco, subvencionará investimentos TIC realizados ao longo do presente ano. A porcentaxe de axuda xeral é do 40%, pero poderáselle engadir un 10% adicional para as solicitudes baseadas en código aberto, así como un 10% no caso das medianas empresas, ou un 20% se se trata de pequenas ou de microempresas. Desta maneira, a subvención pode chegar a cubrir o 70% do investimento subvencionable, sempre cun importe máximo por solicitante de 80.000 euros. A orde de empresas conta con catro liñas de subvención, unha destinada á implantación de infraestruturas internas, dotada con 750.000 euros, outra para novas aplicacións informáticas, cun orzamento de 2.750.000 euros, e dúas máis para potenciar o sector TIC galego e a súa formación técnica e promoción, que ambas suman unha contía de 1,5 millóns de euros.
Segundo explicou o conselleiro de Innovación e Industria, a liña de apoio á infraestrutura interna das empresas fomentará unha utilización eficiente das TIC por parte de empresas de calquera sector económico, que desenvolverán melloras nos seus sistemas de información. Subvencionarase a implantación de redes de datos internas, incluíndo os elementos físicos precisos para o acceso a internet, así como os investimentos en bens de equipo que supoñan unha muda tecnolóxica ou unha consolidación de tecnoloxías emerxentes para as empresas do sector audiovisual galego. A liña de aplicacións informáticas, por outra banda, apoiará aplicacións de carácter produtivo que acheguen solucións específicas para a actividade económica de que se trate. Tamén se subvenciona neste caso a implantación de programas en código aberto realizados á medida do solicitante, así como aplicacións de uso externo accesibles a través de internet cun funcionamento que facilite as transaccións electrónicas.
En canto ás liñas dirixidas especificamente ao sector TIC, a primeira delas pretende fomentar a xeración e oferta no mercado de novos produtos e servizos TIC por parte das empresas galegas do sector. Subvencionarase o desenvolvemento de aplicacións informáticas en código aberto e de novos produtos e servizos, que sexan ademais para a súa adquisición, uso ou licenza mediante pagamento por parte de terceiros. A outra liña destinada ao sector contempla aspectos como a formación técnica do seu persoal e labores de promoción e comercialización. Tamén prevé apoiar a asistencia a foros especializados de formación tecnolóxica, estandarización e comercialización de produtos nas empresas.
Polo que respecta á segunda das ordes presentada hoxe por Fernando Blanco, destínase a entidades sen fin de lucro que realicen actividades de difusión, sensibilización e formativas no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación. Tamén engloba as actuacións que promovan a produción e difusión de contidos dixitais en galego durante o presente ano 2009. O orzamento desta orde acada os 2,3 millóns de euros repartidos en cinco liñas de subvención: promoción e difusión da sociedade da información (300.000 euros), xeración de contidos dixitais (1,1 millóns) e formación para a cidadanía en xeral, formación especializada para os profesionais do sector e formación enfocada ás PEMES para unha mellor capacitación en materias como comercio e facturación electrónica, as tres dotadas con 300.000 euros cada unha.
O conselleiro recordou por último que estas axudas, que se publicarán no DOG nos próximos días, revelan a aposta do seu departamento por un ámbito ao que se lle está a prestar especial relevo e unha profundización das medidas respecto a anos anteriores. Blanco explicou así mesmo que os últimos datos dispoñibles sobre a sociedade da información indican unha evolución positiva das variables en Galiza nos últimos tres anos. Por exemplo, segundo dixo, a práctica totalidade das empresas de máis de 10 empregados teñen conexión a internet mediante banda larga, e o 25% dispoñen de aplicacións de planificación de recursos empresariais e de xestión de relacións cos clientes. Dende a Consellaría, avanzou, seguiranse a dar pasos de mellora que reforcen a penetración da sociedade da información no mundo empresarial, en particular nas PEMES, así como o desenvolvemento do sector TIC de Galiza.
Innovación eleva ata 7,3 millóns a contía das axudas TIC para este ano
Compartir Este Artigo

