As autoridades de China son para os contidos supostamente obscenos da Internet un claro exemplo de teimosía e firmeza, non tanto para outros aspectos que lles atinxen directamente, como por exemplo o rexeitamento do pobo do Tibet a seren sometidos polo dito país (postura que pode rematar en cadea perpetua ou paradoiro descoñecido para quen se expresa abertamente a favor dela). Enleadas aparte, o caso é que China vén de pór ao servizo da cruzada anti-inmoridade na Internet unha boa parte dos seus equipos humanos e técnicos, co obxectivo –ao parecer- de que non quede á vista nin un só peito ou nádega. Este inxente labor de ensombrecemento do teoricamente escandaloso non está a ficar no papel: só nun día, o Goberno é quen de pechar ate medio centenar de páxinas web por “ofrecer pornografía e contidos obscenos”, chegando neste intre a 91 os portais da Rede pechados ao longo dun prazo de tres días.
Segundo conta ElPais.es facéndose eco de datos da axencia oficial Xinhua, a medida forma parte dunha tarefa de purificación e, tamén, de cumprimento das normativas: naquel país, a distribución de pornografía é ilegal.
Esta campaña intensiva, dada a coñecer o pasado luns, conta coa participación de seis axencias gobernamentais e da intervención directa do Ministerio de Seguridade Pública daquel país.
Neste intre, por certo, non hai nada que indique un cese de actividade censora. Asemade, ninguén semella estar a salvo do labor de persecución e de acordar cun aviso de peche sobre a súa páxina web. De feito, unha das principais accións levadas a cabo polo Goberno chinés foi poñer no punto de mira aos máis grandes dos máis grandes na Rede chinesa: Google e Baidu, os principais buscadores do país e que, en opinión das autoridades, estanse a comportar moi permisivamente coa pornografía en liña. Tendo en conta o vello dito (refeito para a ocasión) de quen ten web ten medo, tanto os devanditos buscadores como outras 17 páxinas igualmente ameazadas a través da campaña de loita contra inmoralidade en liña cubríronse en saúde ofrecendo unha desculpa.
China pecha case 100 webs en tres días por ofrecer contidos obscenos
Compartir Este Artigo

