A entidade financeira Caixanova vén de dar un paso a prol da ampliación dun mundo, o virtual, que en boa maneira vai dirixido a achegar o que lle falta ao real: dispoñibilidade de acceso ilimitada, supresión de atrancos físicos, accesibilidade íntegra, interactividade, etc. Máis polo miúdo, o traballo de Caixanova neste eido céntrase sobre todo na formación a distancia, concretamente no da formación superior para os seus empregados. Nisto e noutras consiste Unova, a Universidade Corporativa de Unova, presentada este luns polo presidente da entidade, Julio Fernández Gayoso, e o director xeral da caixa, José Luis Pego. O proxecto, que xa está ultimado para entrar en funcionamento ao longo deste mesmo mes, apóiase en dos escenarios: o do ámbito das universidades físicas que todos coñecementos (só que orientada neste caso ao eido interno dos traballadores) e o das universidades virtuais. A iniciativa contará cun campus central en Vigo e campus satélites nas principais cidades galegas, así como en Madrid e Barcelona. Asemade, haberá un campus dixital para a aprendizaxe a distancia accesible dende calquera recanto.
A idea dos responsables de Caixanova, amais de contribuír á formación e a mellora da experiencia dos seus empregados, é favorecer a unión entre os mesmos. “Grazas a estas plataformas”, indica a entidade, “o espallamento xeográfico do equipo de Caixanova -171 das 586 oficinas da rede comercial da entidade están fóra de Galicia e 13 delas no estranxeiro- non será un atranco para mellorar a súa formación con accións homoxéneas”.
Polo que respecta á estrutura das actividades formativas e aos contidos, sinalar que a idea é potenciar sobre todo a capacitación en liña do equipo interno a través do campus virtual, ofrecéndose unha variada oferta de cursos interactivos. A maiores, está prevista a presentación e posta en marcha dun novo procedemento de ensinanza que enriquece a actividade formación máis ou menos clásica co que está máis preto da experiencia práctica posterior (sen selo): a simulación virtual. Esta metodoloxía estará representada a través de Teu Axudante de Formación (TAF), personaxe que explica de xeito ameno e claro os contidos incluídos en cada programa específico ao empregado.
Segundo explicaron na súa presentación os responsables de Caixanova, a idea é recoller o modelo máis ou menos tradicional de universidade cos seus campus e decanatos e complementala co máis innovador das novas tecnoloxías en materia de aprendizaxe. Así, a Universidade Corporativa contará con un total de sete escolas (o que serían facultades con cadanseu decanato): tres de elas especializadas en liderazgo, unha comercial, unha técnica, unha de idiomas e, por último, unha de ofimática.
Caixanova formará aos seus empregados a través dunha universidade virtual
Compartir Este Artigo

