A crise económica mundial ten neste intre os camiños despexados: críase que nas empresas máis vinculadas ao coñecemento e á especialización tecnolóxica ía darse un rodeo, por aquilo de que propoñen novos usos e costumes opostos á tradición ligada ao petróleo e ao ladrillo (factores en boa medida responsables da desfeita), pero semella que nin con esas. Esta semana os xornais ofrecían algúns datos de interese sobre o tema do parón produtivo entre a súa madeixa habitual de informacións máis ou menos manipuladas. Entre o máis salientable, a caída do que ben podería ser a primeira ficha do gran xogo de dominó tecnolóxico: a bancorrata de Nortel Networks. A empresa, que non é a primeira do sector TIC en sufrir nas súas carnes a crise empresarial, si que inaugura en certa maneira un novo libro: o dos xigantes caídos. Máis polo miúdo, a compañía está a procurar acubillo dos seus acredores en Canadá e Estados Unidos, de aí a autodeclaración de bancarrota perante o tecido xudicial.
Como dixemos, trátase da primeira empresa de alta tecnolóxica que toma esta medida, casualmente un día antes da data en que estaba obrigada a pagar 107 millóns de dólares en concepto de débedas.
A idea da firma, presuponse, é a de calquera outra empresa de calquera outro sector obrigada a mover esta ficha: coller un pouco de aire. Ou ben refacerse a costa dos de sempre: os traballadores. Segundo informan os medios especializados, presúmese que procurará novas opcións para tirar partido da reestruturación, ou ben vender activos. Sexa como sexa, conta con este fin co apoio do Goberno de Canadá, que xa deu a súa conformidade para achegar 24 millóns de dólares en financiamento (a curto prazo) co obxecto de favorecer a reestruturación e acadar que Nortel sexa unha compañía de futuro. A intención do Goberno do país norteamericano é non perder terreo a nivel mundial no eido das telecomunicacións, sendo o papel da dita compañía fundamental para este afianzamento.
Nortel Networks inaugura a caída dos grandes das TIC por mor da crise
Compartir Este Artigo

