Din os especialistas en comunicación que na linguaxe practicada no dixital, nese ir e vir de correos electrónicos, entradas nos blogs cos seus comentarios ou mensaxes instantáneas, pérdese unha cantidade importante de contido e, o que case é máis importante, redúcese a marxe para a interpretación correcta do que se transmite. Para entendérmonos: dáselle cancha aos malentendidos. Algo semellante acontece coa comunicación que mantemos coas máquinas: sistemas, buscadores, asistentes e demais. Se algo se nos perde polo camiño, as ferramentas da Web dificilmente son quen de reconstruír o elo da cadea que falta. Chegar ata onde ninguén chegou en materia de interpretación e entendemento é o gran obxectivo do equipo de Netex (na imaxe), unha empresa con sede en Oleiros (A Coruña) que, segundo informa estes días a Consellería de Innovación nos seus boletíns web, vén de desenvolver unha ferramenta de procura en liña que entende (por fin) as nosas palabras. É dicir: non se limita só a oílas, senón tamén a escoitalas. O sistema, que como se pode supoñer está baseado no emprego de intelixencia artificial (entende o que se lle di e relaciónao cos datos que ten para dar a resposta máis completa e precisa), supón un paso adiante nun eido, o dos recursos web, afianzado de máis nos procedementos automáticos. Por dicilo dun xeito que se entenda: a ferramenta desenvolvida imita á comunicación oral entre persoas. Por certo que o recurso xa ten nome: Gurú.
Segundo informa a Consellería de Innovación (que colabora no proxecto a través do seu plan de axudas INCITE e unha cifra concreta: 175.000 euros para os anos 2007 e 2008), o desenvolvemento ten un amplísimo abano de aplicacións, ben sexa no eido público ou no empresarial (páxinas web, intranets, eAdministración, catálogos en liña de produtos). Con todo, hai unha que cómpre salientar de entre todas elas: a da aprendizaxe en liña. Neste senso, a ferramenta xa está a ser integrada en Kubbe, unha plataforma de formación a distancia social creada por Netex na que os usuarios se relacionan entre si cun sistema de comunidades e con múltiples recursos de comunicación e participación.
A ferramenta Gurú, que conta tamén co apoio do Departamento de Electrónica e Computación da Universidade de Santiago (USC), é segundo os seus creadores unha incursión plenamente galega na era 3.0 da Sociedade da Información: a da Web intelixente. En palabras de Joserra Mosteiro, socio e director de I+D+i de Netex, “Gurú é un produto que cumpre os parámetros da web semántica, sendo quen arestora de interpretar e interconectar un maior número de datos, de xeito que a información sexa comprensible para as máquinas”. Esta é precisamente a clave do proxecto e o que marca a diferenza con outros de semellantes características: que os datos sexan algo máis que datos para as máquinas, que teñan significado. Para este fin, para que a web-información teña un sentido real, os responsables do proxecto tiveron que botar man dunha codificación ben concreta: as ontoloxías: formulacións que definen conceptos e as relacións entre eles representando a información de xeito formal e interpretable polos computadores.
Unha empresa de Oleiros desenvolve un buscador intelixente que entende o que se lle require: Gurú
Compartir Este Artigo

