A Rede de Comercio Rural Galego, o tecido de empresas agrupadas arredor dun novo espírito de actividade empresarial (máis Internet para a venda e a promoción), vén de ser obxecto dunha nova incorporación: a do Mesón Pontecarreira, situado na dita localidade do concello coruñés de Frades. A integración do establecemento, dada a coñecer onte cun acto oficial de benvida no que fixo acto de presenza a directora xeral de Comercio (Ana Rúa), sitúa en 12 o número total de establecementos activos na dita Rede de Comercio Rural, estando previsto para finais de mes chegar á cifra de 18. Para a súa posta en común nesta cooperativa en liña, o Mesón de Visantoña contou cunha achega do dito departamento da Xunta de 100.000 euros, sendo a inversión total de 156.000 euros, contía destinada na súa meirande parte a labores de rehabilitación e de afianzamento nos parámetros e operatividade da Rede de Comercio.
O mesón, que ten unha antigüidade de máis de 130 anos (foi rexentado por cinco xeracións da mesma familia), non só foi obxecto dunha posta a punto integral no que se refire aos servizos habituais neste tipo de establecementos, senón que tamén recibiu un terminal de punto de venda e ferramentas tecnolóxicas de xestión, venda e comunicación con clientes ou provedores.
A idea dos responsables do local e da Dirección Xeral de Comercio é dinamizar a actividade propia do restaurante e, a maiores, a da propia contorna na que se insire, unha comarca predominantemente rural. Neste senso, un dos obxectivos é tirar proveito do novo equipamento do restaurante para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías.
A rede de comercio rural en liña de Vicepresidencia sitúase nos 12 establecementos
Compartir Este Artigo

