Para o xornalista italiano Carlos Fabretti no mundo non hai moitos medios que poidan considerarse independentes de todo tipo de intereses: a gran maioría menten, e quen diga o contrario minte igual. Porén, sinalou nunha visita recente a Compostela, o uso cotiá das redes para achegar e recibir información está a propiciar, polo de agora, o mantemento dunha pequena (no económico e na pegada social) pero importante chama: a das canles que non se deixan dobregar. Neste senso, di, hai uns cantos xornais dixitais onde non corremos riscos de manipulación, e no caso de que se dea, sempre se inclinará do lado do menos favorecido: Rebelión, Insurxente, Haine, Kaos na Rede ou Nodo 50.
A nosa terra, malia adolecer de certo retraso no emprego a esgalla das ferramentas dixitais, tamén se está a afianzar como un exemplo de información alternativa: quen máis quen menos, toda e todo internauta sabe por onde lle é máis conveniente navegar. Nesta liña, precisamente, é onde os responsables de Galiza Rebelde queren situar a súa criatura web, unha páxina de información que raramente se atopa nos grandes medios. No seu propio nome e no medio elixido (a Web) vai incluído o seu obxectivo: construír un espazo colectivo de comunicación popular para difundir novas, artigos de opinión ou convocatorias da nosa terra e do resto do mundo e que non teñan espazo nos medios convencionais.
A web, que aparece estes días referenciada en Chuza! (onde apuntan a data de comezo das actividades: o 1 de febreiro), pretende ser unha web colectiva e participativa e tirar o máximo proveito do espírito de colaboración que se está a espallar arestora. Ceibes de grandes intereses económicos e políticos, os seus responsables teñen claro que neste intre teñen o altofalante pola man os que menos dereito teñen a telo: a súa idea é usar a web para pasarllo ás movementos sociais, organizacións e persoas que traballan a prol da transformación do país e do mundo. A idea, asemade, é botar man da comunidade de usuarios creada para que os seus membros elixan as novas que máis lles interese subir e logo sexan estas situadas (en base ao criterio colectivo) no lugar que lles corresponde.
Nace Galiza Rebelde, unha web a prol da información que non se achega nos grandes medios
Compartir Este Artigo

